A Asociación FICBUEU nace no ano 2016 coa finalidade principal de organizar o Festival Internacional de Cine de Bueu, que se celebra desde 2008. Máis aló do festival, como entidade promove numerosas accións ao longo do ano, todas elas directamente relacionadas coa cultura e máis concretamente co cine.
O 18º Festival Internacional de Cinema de Bueu celebrarase do 5 ao 20 de setembro de 2025 na localidade de Bueu, e terá como obxectivo a proxección e promoción das mellores curtametraxes realizadas nos dous últimos anos no ámbito internacional. A participación está aberta a todas as obras estreadas a partir do 1 de xaneiro do 2024, podendo concorrer creadoras e creadores de calquera nacionalidade sempre e cando teñan cumprido 18 anos de idade. Poderán presentarse obras de calquera xénero, cunha duración máxima de 30 minutos (títulos de crédito incluídos). Cada participante poderá presentar tantas obras como desexe. Non serán admitidas as curtametraxes que xa fosen presentadas en edicións anteriores.